logo 2014 euroretinaOs Dres. Carlos Méndez e Pablo Carnota asistiron ao XVI Congreso EuRetina (Sociedade Europea de Retina) celebrado en Copenhague (Dinamarca) do 8 ao 11 de Setembro de 2016. No devandito congreso abordáronse as últimas novidades no diagnóstico e tratamento das enfermidades da retina e levaron a cabo varias sesións de casos clínicos complexos, tanto médicos como cirúrxicos.
 Cabe destacar o gran número de comunicacións referentes ao novo método de exploración chamado angio-OCT(tomografía de coherencia óptica). Dita proba está encamiñada, se non a eliminar, polo menos a minorar o número de exploracións mediante angiografía fluoresceínica (que require unha inxección de contraste e, por tanto, trátase dunha proba invasiva fronte á nova angio-OCT que non require a inxección). Ademais fíxose fincapé na necesidade dunha exploración multimodal do fondo de ollo mediante diferentes técnicas de imaxe (angiografía con fluoresceína e verde indocianina, OCT, autofluorescencia, ...) para lograr unha maior precisión diagnóstica en casos complicados.
 Como vén sendo habitual nos últimos anos, varias conferencias versaron sobre o uso de inxeccións intravítreas de antiangioxénicos así como do máis recente implante intravítreo de dexametasona utilizados para enfermidades dexenerativas e vasculares da mácula e a retina (dexeneración macular, retinopatía diabética, oclusions venosas retinianas, etcétera).
 A principal novidade en canto a técnicas cirúrxicas trátase do uso intraoperatorio da OCT, o que permite visualizar as capas da retina ao mesmo tempo que se realiza a intervención. Isto facilita en gran medida a cirurxía macular, na que a precisión é fundamental para lograr un bo resultado visual.
 O congreso contou con máis de cinco mil asistentes procedentes de todo o mundo e clausurouse coa vista posta no congreso do ano que vén que se celebrará en Barcelona por estas mesmas datas.